14 de Novembro na Galiza: unha folga xeral complexa pero necesaria |
Terça, 13 Novembro 2012 | |||
O 14 de novembro Galiza está chamada a secundar unha Folga Xeral convocada pola CIG e polas centrais sindicais estatais e integrada na Xornada Europea de Loita que s upón unha primeira resposta coordinada á política económica e social ditada pola Unión Europea e polo capital financieiro internacional. Unha xornada para facer visíbel o rexeitamento de millóns de europeos e europeas ao saqueo e ao roubo do noso futuro de do das xeracións vindeiras. Desde que estoupou a actual crise sistémica do modelo neoliberal téñense producido múltiples protestas en Galiza amosando a capacidade das nosas clases traballadoras para situarse, xunto coas clases traballadoras de Euskal Herría, á cabeza no estado español en canto ao nível de apoio ás mobilizacións e folgas; debéndose esa resposta a dous elementos fundamentais: O primeiro é a existencia dun combativo sindicalismo nacionalista e de clase representado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) cunha grande capacidade mobilizadora e forte presenza nos sectores laborais máis dinámicos, mantendo unha liña firme de defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras e da soberanía de Galiza; e que non caeu no pactismo das centrais sindiciais estatais que en moitas ocasións deron o seu aval a acordos que supuxeron redución de dereitos e recentemente asinaron o aumento da idade de reforma aos 67 anos. O segundo elemento é a constatación en sectores cada vez máis amplos da poboación de que as políticas ditadas polo Mercado Común (actual Unión Europea) desde 1985 e asumidas polos gobernos españois(PP/PSOE) tiveron supuxeron quebrar a capacidade de Galiza para contar cunha economía propia baseada nas súas posibilidades, sendo exemplo desas medidas o desmantelamento do sector agrario e leiteiro, a destrución da flota pesqueira ou a decisión política que impide aos asteleiros de Vigo e Ferrol construir barcos. A isto debemos engadir que a actual crise, nunha Galiza que pouco soubo dos efectos do chamado estado de benestar ao contarmos cos salarios e as pensións de reforma máis baixos do estado español, sitúanos nun desemprego que se achega ao 25% e desas persoas desempregadas máis dun 42% non percibe ningún ingreso, unha realidade que abre de novo a porta da emigración que tan dramáticos efectos tivo nas nosa historia; máis de 30.000 mozos e mozas abandonaron Galiza no pasado ano. Mais esa histórica combatividade debida fundamentalmente ao importante traballo do nacionalismo, nomeadamente o BNG no ámbito político e a CIG no sindical, non pode agachar que a mobilización do 14 de novembro conta cun novo elemento que vai ter influencia no seu seguimento; sendo ese elemento o resultado das eleccións ao parlamento galego celebradas o 21 de outubro que supuxeron unha vitoria do Partido Popular cun aumento da maioría absoluta coa que contaba desde 2009 e un retroceso na presenza institucional do nacionalismo. Eses resultados electorais a dereita preséntaos como un apoio ás súas políticas de recortes aos dereitos económicos e sociais e iso sen dúbida vai facer que alguna xente considere que non paga a pena a protesta despois de ter falado as urnas. Pero para nós os resultados electorais, asumindo que supoñen un retroceso, nunca poden ser argumento para renunciar á reivindicación de xustiza social e do dereito de Galiza a decidir sobre o su futuro como nación europea. O 14 de novembro estou certo de que a protesta será masiva pois o traballo diario de concienciación nos centros de traballo e na rúa estase facendo, hai novos sectores socias agredidos polos recortes e moitas familias están xa a pasar por situacións de penuria que hai poucos anos ninguén pensaría que se puidesen chegar a dar en Europa. O día despois deberemos seguir firmes afortalando as ferramentas políticas, sindicais e sociais que nos permitan resistir a ofensiva reaccionaria e camiñar cara unha Galiza soberana, con futuro e con dereitos para as maiorías sociais, sendo esa a mellor aportación que poderemos facer os galegos e galegas á construción dunha Europa dos povos. Duarte Correa
|
A Comuna 33 e 34
A Comuna 34 (II semestre 2015) "Luta social e crise política no Brasil" | Editorial | ISSUU | PDF
A Comuna 33 (I semestre 2015) "Feminismo em Ação" | ISSUU | PDF | Revistas anteriores
Karl Marx